Memoria da noite

Madrugada, o porto adormeceu, amor,
A lúa abanea sobre as ondas
Piso espellos antes de que saia o sol
Na noite gardei a túa memoria.

Perderei outra vez a vida
Cando rompa a luz nos cons,
Perderei o día que aprendín a bicar
Palabras dos teus ollos sobre o mar,
Perderei o día que aprendín a bicar
Palabras dos teus ollos sobre o mar.

Veu o loito antes de vir o rumor,
Levouno a marea baixo a sombra.
Barcos negros sulcan a mañá sen voz,
As redes baleiras, sen gaivotas.

E dirán, contarán mentiras
Para ofrecerllas ao Patrón:
Quererán pechar cunhas moedas, quizais,
Os teus ollos abertos sobre o mar,
Quererán pechar cunhas moedas, quizais,
Os teus ollos abertos sobre o mar.

Madrugada, o porto despertou, amor,
O reloxo do bar quedou varado
Na costeira muda da desolación.
Non imos esquecer, nin perdoalo.

Volverei, volverei á vida
Cando rompa a luz nos cons
Porque nós arrancamos todo o orgullo do mar,
Non nos afundiremos nunca máis
Que na túa memoria xa non hai volta atrás:
Non nos humillaredes NUNCA MÁIS.



Credits
Writer(s): Jose Benito Romero Copo, Xabier Cordal Fustes
Lyrics powered by www.musixmatch.com

Link